fbpx

A Xunta convoca premios por case 900.000€ para recoñecer o esforzo e a excelencia no Bacharelato e na universidade

Os prazos para optar aos recoñecementos de Fin de Carreira e a os galardóns Extraordinarios de Bacharelato xa están abertos. Os premios oscilan entre os 1.000 e os 3.500€ por alumno en función das modalidades, ademais dun diploma acreditativo. O período para presentar solicitudes aos premios Fin de Carreira remata o 6 de xuño e o 25 de maio para os de Bacharelato.
Redacción-comunidadesLunes, 9 de mayo de 2022
0

A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios de Excelencia Universitaria, os Premios Fin de Carreira e os Premios Extraordinarios de Bachalarato, aos que destina unha contía global de preto de 900.000€.

O obxectivo de todos estes galardóns é o de recoñecer o esforzo e a excelencia do alumnado galego ben na etapa universitaria, ben na de Bacharelato, cun aproveitamento académico brillante. Os premios oscilan entre os 1.000 e os 3.500€ en función das modalidades, ademais dun diploma acreditativo.

Premios Excelencia Académica de Grao

A Xunta de Galicia vén de convocar no Diario Oficial de Galicia os premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivo as mellores cualificacións no curso 2020-21 no Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao –agás o último que conta cun premio específico– e en cada centro no que se imparta. Estes galardóns veñen de completar os Premios Fin de Carreira aos mellores expedientes dos egresados nas universidades do SUG.

O orzamento total da convocatoria increméntase ata os 528.000 euros (10.000€ máis que na anterior convocatoria) e cada persoa que resulte premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción. Ademais, no caso de non esgotarse cos premios o crédito existente, a contía restante repartirase entre os galardoados cunha nota igual ou superior ao 9, en contías de 500 euros.

Serán as propias universidades as que seleccionen os expedientes académicos das persoas que obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos, superando a totalidade dos créditos matriculados que, como mínimo, serán 60 no caso dos graos oficiais e de 72 nos programas de simultaneidade de graos.

As universidades deberán facer público a través das súas páxinas web a relación de alumnos propostos para os premios, de acordo cos requisitos establecidos na convocatoria.

Concederase un premio por cada titulación oficial de grao ao alumnado que finalizase os estudos correspondentes a un dos cursos en cada un dos centros nos que se imparta. Nos programas de simultaneidade de graos estenderase o premio ata o penúltimo curso anual dos programas. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Premios Fin de Carreira

Estes galardóns van dirixidos aos estudantes que remataron que rematou os seus estudos universitarios no curso académico 2020-21 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG). Os interesados, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia, dispoñen de prazo ata o día 6 de xuño para tramitar as solicitudes.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina a esta convocatoria un orzamento de 339.500€. Cada un dos galardoados acadará un premio de ata un máximo de 3.500€ e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Poderá optar a este premio o alumnado que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

O número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Así, aquelas titulacións con ata 199 persoas egresadas optarán a un premio, as que teñan entre 200 e 299 a dous e as que conten con 300 ou máis persoas optarán a tres premios. As titulacións que teñan entre 400 e 499 persoas egresadas optarán a catro premios, e as de máis de 500 persoas egresadas poderán optar ata cinco premios. O número de persoas egresadas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades do Sistema universitario de Galicia.

As solicitudes poderán presentarse ata o 6 de xuño, obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Premios extraordinarios de Bacharelato

Tal e como se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, poderán acadar estes galardóns, dotados cada un deles con 1.000 euros, un total de 20 alumnas e alumnos que teñan rematado os estudos de Bacharelato no curso 2021-22 nun centro docente de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso; e que obtivese unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos.

Ademais, as persoas candidatas deberán realizar unha proba presencial, que terá lugar o día 23 de xuño, e que está estruturada en dúas partes. A primeira delas consistirá nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato.

A segunda parte consistirá no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado a elixir entre Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II e Fundamentos da Arte II.

O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais, un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico. O obxectivo é recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estas ensinanzas.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 25 de maio. A presentación será, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.gal/premiosedu, desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

0
Comentarios