fbpx

A Xunta desenvolverá as oposicións de Educación en 14 localidades de toda Galicia con 222 tribunais

As probas para os corpos de mestres desenvolveranse o sábado 18 de xuño, mentres que para o resto serán o domingo 19. Están inscritos neste proceso un total de 22.919 persoas para as 2.484 prazas convocadas.
Redacción-comunidadesJueves, 9 de junio de 2022
0

A Xunta desenvolverá as oposicións de Educación este ano en 14 localidades de toda Galicia, cun total de 222 tribunais. As probas realizaranse no terceiro fin de semana de xuño. En concreto, para os corpos de mestres desenvolveranse o sábado 18 de xuño, mentres que para o resto (inspectores, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño), o domingo 19. As sedes serán na súa totalidade centros educativos.

As localidades que acollerán as probas serán, na provincia da Coruña, a cidade herculina, Culleredo, Ferrol, Narón e Santiago de Compostela; na de Lugo, a capital de provincia e Monforte de Lemos; na de Ourense, a cidade das Burgas e O Carballiño, e na de Pontevedra, a cidade do Lérez, Marín, Lalín, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Os espazos concretos nos que se realizarán os exames publicaranse nos vindeiros días no Portal Educativo. Cómpre sinalar que, ao abeiro do acordo asinado coas organizacións sindicais, as persoas interinas e substitutas non estarán obrigadas a presentarse ao procedemento.

É o segundo ano consecutivo na que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades descentraliza o proceso de oposicións coa finalidade de evitar masificacións. Un total de 22.919 persoas concorrerán ás oposicións nun proceso que se desenvolverá segundo o sistema habitual, ofrecendo certezas ás persoas que levan anos preparando estas probas. Todas elas optan ás 2.484 prazas cuxa convocatoria xa foi publicada.

4.000 prazas en marcha

Estas prazas súmanse á oferta de emprego público de estabilización que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, que elevan a cas 4.000 as prazas no ensino que se convocarán este ano, seguindo a xeira de máis de 13.000 prazas ofertadas polo Goberno galego nos últimos anos neste eido, nunha clara aposta por mellorar as condicións de traballo dos docentes.

Deste xeito, a Xunta de Galicia prevé rematar estes procesos en 2023 cunha taxa de interinidade docente do 6% no conxunto das prazas. Isto supón dous puntos menos do 8% que esixe o Goberno central para finais de 2024, obxectivo que Galicia xa cumpre, mentres que a media estatal é do 25%.

A maiores deste proceso, sumaranse as prazas do extinto corpo de profesores de FP Formación Profesional. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia xa aprobou a Oferta Pública de Emprego (OPE) paras estas prazas de FP, pero non poderá convocarse ata que o Ministerio de Educación desenvolva a nova lei de Formación Profesional. Isto afecta ao novo corpo que se crea (profesores especialistas en sectores singulares da FP) e ás especialidades do extinto corpo de profesores técnicos de FP (suprimido pola nova lei de Educación) e que se integran no corpo de profesores de ensino secundario.

0
Comentarios