Rueda destaca que a gratuidade da Infantil contribuirá á economía dos fogares
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a gratuidade da educación infantil contribuirá á economía dos fogares, cun aforro medio anual de entre 1.500 e 2.000 euros de media por neno.
Durante unha visita, xunto á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, ás instalacións da escola infantil pública autonómica de Campolongo, Rueda incidiu en que Galicia será a primeira comunidade de España na que a educación infantil será 100% gratuíta, xa sexa en centros públicos, en privados ou de iniciativa social.
Logo de precisar que esta iniciativa suporá un orzamento anual de 50 millóns de euros e beneficiará a máis de 30.000 pequenos, o titular do Goberno galego aseverou que este esforzo investidor non podía chegar nun momento máis necesario, no que os prezos volven subir.
Así mesmo, cómpre salientar que hoxe publícanse as listaxes definitivas dos admitidos nas 174 escolas infantís autonómicas. Este ano foron admitidos un total de 8.000 nenas e nenos. E os pais ou nais dos cativos admitidos terán do 1 ao 10 de xuño para formalizar a súa matrícula. Pódense consultar esta listaxe de admitidos na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude.
Alfonso Rueda aseverou que o Executivo galego seguirá comprometido coas familias, como proba a posta en marcha de iniciativas como as casas niño para dar servizo aos pequenos concellos –actualmente están en servizo 89 e está a piques de resolverse unha nova convocatoria, que permitirá chegar ás 100–; o Bono Coidado ou a Tarxeta Benvida.