Román Rodríguez analiza cos sindicatos da Concertada as demandas deste colectivo
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de manter unha reunión de traballo coas organizacións sindicais do ensino concertado para escoitar as súas demandas ao tempo que avaliar o contexto educativo logo da caída de matrícula derivada da redución da natalidade.
Na xuntanza, o conselleiro trasladoulles aos representantes sindicais que, segundo os datos estatísticos estimados, constátase unha perda aproximada de 7.600 alumnos entre Educación Infantil e Educación Primaria en todo o sistema o vindeiro curso, o que esixe dunha planificación responsable na xestión de recursos públicos en aras de garantir a máxima calidade na oferta.
Este encontro enmárcase dentro do calendario de contactos que se veñen mantendo coas organizacións sindicais para o diálogo e a colaboración no eido educativo.
Nesta ocasión a xuntanza foi cos sindicatos que forman parte da Comisión de Seguimento do Ensino Concertado, onde ademais da Administración, están representados os sindicatos e as patronais, coas que a Xunta se reunirá nos próximos días. Á reunión, na que o conselleiro estivo acompañado do director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, asistiron representantes de FSIE, UGT, CCOO, USO e CIG.