Os Polos Creativos impulsados pola Xunta chegan este curso a 220 centros cun investimento de 8 millóns
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o instituto IES "Breamo" de Pontedeume, un dos beneficiarios desta iniciativa que se estrea este curso.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o instituto IES «Breamo», na localidade coruñesa de Pontedeume. Un centro dos 220 que van desenvolver este ano un Polo Creativo, unha novidosa iniciativa para impulsar a dixitalización do ensino, que conta cun orzamento de 8M€.
Os Polos Creativos son espazos de innovación nos que se traballan as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño. Organízanse didacticamente para fomentar a creatividade a través da superación de retos, a consecución de proxectos, a realización de prototipos e a construción de resultados tanxibles. A dotación destes polos está conformada por máis de 22.000 elementos de material especializado como kits de robótica, equipamento audiovisual, tablets e taboleiros interactivos, elementos de corte por control numérico, escaneado e impresión 3D, entre outros.
Na visita, o conselleiro Román Rodríguez destacou a “enorme acollida” deste programa que se estrea este curso con 138 centros e que chegará neste trimestre a 220 en toda Galicia.
Dixitalización e Nova Arquitectura Pedagóxica
“O que hoxe visitamos –explicou o conselleiro– é un exemplo claro dun polo creativo perfectamente equipado, un modelo que se replica noutros centros de toda Galicia”.
Os Polos Creativos enmárcanse en dúas das principais estratexias do Goberno galego para a plena modernización do ensino como son, por unha banda, a Estratexia Educación Dixital 2030 e, por outra, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
No que atinxe á Estratexia Educación Dixital, dotada con 120M€ para esta lexislatura, o conselleiro subliñou que permitirá “darlle o empurrón definitivo á transformación dixital do ensino desde os equipamentos e as metodoloxías”.
Pola súa banda, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de máis de 190M€, ten como obxectivo adaptar os centros escolares ás novas realidades educativas e tecnolóxicas.