A Xunta celebra as primeiras olimpíadas de FP Básica para impulsar o prestixio destas ensinanzas
A Xunta de Galicia celebra hoxe a xornada inaugural do 1º Campionato Galego de Formación Profesional Básica, FPBásicaSkills Galicia 2022, as primeiras olimpíadas específicas deste nivel de ciclos formativos que se celebran en Galicia. O obxectivo deste certame, que se suma ás Galicia Skills (con participación maioritaria de alumnado de ciclos de grao medio e superior), é impulsar o prestixio destas ensinanzas como unha opción de futuro para os rapaces que as cursan, así como de continuidade no sistema de oportunidades que é a Formación Profesional galega.
O secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira, participou no Centro Integrado CIFP Ferrolterra na primeira das competicións destas olimpíadas, que se desenvolverán ata o vindeiro 2 de xuño. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a FP Básica como unha alternativa fronte ao abandono educativo e salientou o labor que o profesorado destes ciclos fai na motivación do alumnado.
Así mesmo, fixo fincapé na importancia dos programas formativos básicos para persoas con necesidades educativas especiais –que tamén toman parte no certame– á hora de ofrecer unha cualificación axeitada ás capacidades de cada estudante.
Sedes e competencias
As FPBásicaSkills Galicia 2022 estrutúranse en nove competicións (sete de FP Básica e dous de programas formativos básicos) e contarán coa participación de 111 alumnos. A relación de skills (competencias) en concurso é a seguinte:
FP básica
Competición | Modalidade | Sede | Data |
Carpintaría e moble | Individual | CIFP Ferrolterra (Ferrol) | 24/05/2022 |
Artes gráficas | Por parellas | CIFP Compostela (Santiago de Compostela) | 25/05/2022 |
Electricidade e electrónica | Por parellas | CIFP Universidade Laboral (Culleredo) | 26/05/2022 |
Agroxardinaría | Por parellas | IES Montecelo (Pontevedra) | 26/05/2022 |
Floraría | Individual | IES Montecelo (Pontevedra) | 26/05/2022 |
Mantemento de vehículos | Por parellas | CIFP As Mercedes (Lugo) | 27/05/2022 |
Peiteado e estética | Individual | IES Montecelo (Pontevedra) | 02/06/2022 |
Programas formativos básicos
Competición | Modalidade | Sede | Data |
Servizos de restauración | Por parellas | CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela) | 31/05/2022 |
Xardinaría e viveirismo | Por parellas | CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela) | 01/06/2022 |
Toda a información das olimpíadas pode consultarse no Portal de FP.